Sunday 28 de April de 2024

O Concello da Coruña organiza obradoiros de finanzas domésticas e aforro enerxético para persoas en risco de exclusión social


Esta iniciativa conxunta de Ferrovial e os Servizos Sociais municipais busca a integración social e económica deste colectivo prioritario para o goberno local

O Concello da Coruña organiza obradoiros formativos en finanzas domésticas e aforro enerxético para persoas en risco de exclusión social. Esta iniciativa posta en marcha por Ferrovial Servicios, en colaboración ca área municipal de Benestar Social e a Fundación Emalcsa, busca proporcionar aos asistentes unha formación básica e actualizada que lles capacite para xestionar a economía familiar e facilite a súa integración e a optimización dos seus ingresos.

A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, asistiu ao primeiro destes obradoiros, que se celebrarán no centro cívico da Cidade Vella. Os asistentes son persoas responsables de unidades familiares, con rendas moi baixas e perceptores de subsidios públicos, en situación de desemprego e con dificultades de integración sociolaboral.

“Unha das prioridades do goberno de Inés Rey é non deixar a ninguén atrás. Tras a pandemia, temos a obriga de axudar ás persoas en risco de exclusión e conseguir a súa plena inserción”, comentou Yoya Neira.

Cada obradoiros, dunha hora e media de duración, conta cunha asistencia máxima de 20 persoas beneficiarias, que previamente foron seleccionadas polos Servizos Sociais municipais, que lles realizaba un seguimento. Predominan nesta primeira edición os perfís femininos. Os obradoiros son prácticos e están impartidos por persoal especializado da empresa Ferrovial Servizos, que asumiu o coste íntegro da iniciativa.

Estes obradoiros dan continuidade aos programas formativos iniciados cos escola de oficios de Ferrovial Servicios, que consistiron en dous cursos de limpeza viaria de 170 horas con 19 beneficiarios, dos cales tres foron contratados. Ademais, trátase dunha proposta social complementaria do programa de emerxencia social A Flote, da Fundación Emalcsa, que garante unha atención inmediata a persoas en situación o risco de exclusión.

A concelleira e vicepresidenta de Emalcsa, Yoya Neira, xunto cos representantes de Ferrovial Servizos crearon un grupo de traballo para dar continuidade a este tipo de accións formativas, á vista das necesidades de formación detectadas en colectivos especialmente vulnerables e da experiencia que ten Ferrovial Servicios. “Esta nova mostra de colaboración público-privada permitiranos axudar ás persoas máis necesitadas. Desde o Concello apoiaremos sempre este tipo de iniciativas, que buscan unha maior igualdade social”, indicou Yoya Neira.